Tuesday 23 de April de 2024

A Xunta fai entrega dun equipo de excarceración para rescate á Agrupación de Voluntarios de Protección Civil de Arteixo


O director xeral de Emerxencias e Interior, Luis Menor, destacou que o goberno galego continua a reforzar a capacidade de resposta das entidades locais fronte ás emerxencias

O director xeral de Emerxencias e Interior, Luis Menor, acompañado do xerente da Axencia Galega de Emerxencias, Juan José Muñoz, entregou hoxe un equipo de excarceración para rescate destinado aos voluntarios de Protección Civil do concello de Arteixo.

Segundo destacou o director xeral, o goberno galego continua a reforzar a capacidade de resposta das entidades locais fronte ás emerxencias poñendo a disposición dos servizos municipais, materiais e equipos específicos para o seu uso na resolución de determinados tipos de intervención

O equipo serve para operacións de corte, separación, elevación e tracción de altas prestacións en situación de salvamento e rescate no caso de accidentes, cun custe de 41.000 euros, financiado a través do programa operativo FEDER Galicia 2007-2013. Consta do elementos necesarios para a intervención en rescates como son 1 cizalla, 1 separador, 1 set de proteccións brandas, 6 baterías eléctricas, 1 xogo de puntais de estabilización, 1 protector de AIRBAG e 1 xogo de bloques e cuñas.

Luis Menor fixo especial fincapé en que os concellos cumpren un papel esencial no sistema público integrado de protección civil de Galicia pois a eles corresponde o primeiro nivel de resposta fronte a calquera emerxencia pero non sempre os servizos municipais dispoñen de todos os medios necesarios e, menos aínda, de recursos máis técnicos e especializados, polo que é necesario poder dotalos dun equipamento adecuado que posibilite e redunde nunha mellor capacidade de intervención co fin de acadar un maior grao de seguridade para os cidadáns.

Neste senso un dos obxectivos de Xunta de Galicia é o de conseguir a maior calidade de resposta ás emerxencias en todo o territorio de Galicia baseada en criterios de eficacia, eficiencia e homoxeneidade.